Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica – AAMA

O proxecto ‘AAMA’ (Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica), de Francisco Ramallo, foi elexido gañador da V Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk. Este doctor en Historia da Arte e licenciado en Dereito pola Universidade de Granada procura co seu proxecto que as Torres Hejduk se convertan nun arquivo que sirva de ferramenta para loitar contra o esquecemento da arquitectura galega desaparecida, á vez que supoña un espazo para a investigación e reflexión, ao recoller pequenos relatos sonoros dos galegos e galegas que experimentaron nestes edificios agora xa non existentes.

Entre as posibles arquitecturas desaparecidas nas que versará o proxecto, o artista apunta ao Edificio Castromil, en Santiago de Compostela, construído en 1922 e derrubado en 1974; Fábrica de lapis de Ferrol Vello, construída en 1933 e derrubada en 2012; Atlántico Hotel, na Coruña, construído en 1923 e derrubado en 1967; o Convento das Adoratrices, en Ourense; ou Hotel Continental, en Vigo.

O resultado, segundo Francisco Ramallo, conformará un arquivo sonoro aberto de arquitectura galega desaparecida, coa posibilidade constante de incorporar voces novas coas que continuar a engrosar un patrimonio inmaterial, elaborado a partir de pequenas historias dos e das que tiveron contacto cos edificios galegos desaparecidos.

O artista explica que a orixe deste proxecto está na consideración da Cidade da Cultura (e as Torres Hejduk) como un lugar de encontro de “grandes relatos arquitectónicos”, entre a “posmodernidade urbana”, representada por Peter Eisenman e John Hejduk, e o Santiago de Histórico: “A Cidade da Cultura mira á antiga cidade de Santiago e as Torres Hejduk --consideradas polo propio creador das mesmas como “a igrexa sen corpo”-- miran ás torres da Catedral de Santiago”.

Deste xeito, a intención do proxecto de Francisco Ramallo é que as Torres Hejduk se convertan nun novo “recipiente arquivístico” a medio camiño entre o metafórico e o documental, “que rescatará tales edificios (os desaparecidos) e se sumará á tarefa de conservación e difusión do conxunto da Cidade da Cultura, representado nas institucións da Biblioteca e Arquivo de Galicia, que custodian algún dos máis representativos legados culturais galegos (Isaac Díaz Pardo, a biblioteca de Basilio Losada, etc).