AAMA (Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica)

As Torres Hejduk convértense nun arquivo sonoro aberto para rescatar a arquitectura galega desaparecida ou transformada, lonxe dos grandes relatos arquitectónicos presentes na contorna.

AAMA (Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica) é un proxecto entre o metafórico e o documental de Francisco Ramallo, gañador no Encontro de Artistas Novos 2017 da V Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk.

Coa colaboración de cinco artistas galegos emerxentes que participaron no EAN 2017 (Estela Barone, Matías Daporta, Leyre León, Mar Suárez e Andrea Torres), Ramallo levou a cabo un labor de investigación, análise e posterior recompilación de testemuños sobre edificios agora desaparecidos ou cunha función radicalmente diferente a cando os entrevistados tiveron contacto con eles.

Medio cento de edificios, entre os que se atopan arquitecturas emblemáticas como o Edificio Castromil, en Santiago de Compostela, construído en 1922 e derrubado en 1974; o Cine Zárate, de Mugardos (1926), agora en ruínas; os Multicines ABC, de Pontevedra; o Club Casino de Ortigueira; ou que marcaron unha época social para distintas xeracións como a Discoteca Zao, de Cambados.

Deste xeito, conséguese unha memoria recuperada paralela á hexemónica, composta por historias —construídas desde o afecto ou desde o anecdótico— que poden ser revividas e experimentadas por todas as persoas que se acheguen ás Torres Hejduk.

FRANCISCO RAMALLO
Doutor en historia da arte, realizou mestrados en arte e literatura, así como diferentes estancias de investigación na New York University. Actualmente é profesor de historia da arte na Boston University Madrid, actividade que compaxina co seu labor de comisario independente. Durante o 2016/17 desenvolveu o proxecto UT PICTURA, co que pretende rachar o funcionamento tradicional das galerías de Madrid, introducindo nestas a poesía. Acaba de inaugurar na Stone Gallery de Boston Rosana Antolí: Crossroads (Choreographies) e de publicar o libro Imágenes artísticas y literarias de la ciudad hostil. Ademais, é membro do grupo de investigación ‘Conversación Abierta’ da Sala Alcalá 31 da Comunidade de Madrid.

PEQUENA ESCOLMA DOS TESTEMUÑOS DO ARQUIVO SONORO ABERTO . PREME!

 Club Casino. Ortigueira 

 Fábrica de tabaco. A Coruña 

 Conserveira Massó. Bueu

 Cine Capitol. Viana do Bolo

 Praza tenda. Cambados