Áreas de lecer

Co obxectivo de ofrecer novas posibilidades de ocio familiar, os espazos exteriores da Cidade da Cultura contan con dúas áreas de lecer infantís, listas para o goce.

Ao norte sitúase o Parque da Balea, un espazo de xogo e descanso que homenaxea a un dos grandes artistas plásticos galegos: o coruñés Urbano Lugrís. No centro deste parque levántase unha estrutura con forma de balea, inspirada nos monstros mariños de Lugrís, en concreto nun cadro que se atopa na  Casa dos Pescadores de Malpica, pintado como tributo aos antigos cazadores de baleas da Costa da Morte. Esta balea érguese no medio dun lugar onde se recrea unha atmosfera fantástica, similar aos mundos imaxinados por Lugrís, con testos xigantes –de máis de dous metros de alto- onde medran bidueiros e outra plantas,  un espazo con sombra, auga e vexetación. 

A idea do esquelete dunha balea está presente nos escritos de Peter Eisenman cando describe os edificios do Gaiás, citando mesmo a Moby Dick de Herman Melville. Existe, por tanto, unha conexión entre estes dous espazos situados moi preto un do outro. Este parque, deseñado por RVR arquitectos, está conectado co Bosque de Galicia, sendo a porta de acceso para aqueles que suban ao Gaiás percorrendo as sendas.

Ao sur da cidade, preto das Torres Hejduk, as familias atoparán unha segunda área de lecer, equipada con columpios de formas abstractas para estimular a creatividade dos cativos.

 
Parque da Balea
Parque da Balea
Parque da Balea
Parque da Balea
Parque da Balea
Parque da Balea
Parque da Balea
Área de lecer ao sur do Gaiás