Spin2016: emprendendo o futuro

Farmacoxenómica, empoderamento da muller, enerxía, impresión 3D aplicada á medicina e unha app móbil para o sector servizos. O emprendemento nestes cinco sectores foi recoñecido hoxe na última xornada do Spin2016, coa entrega dos premios Model2Market, elixidos entre as case 500 candidaturas de 12 países de Iberoamérica presentadas.

Galicia estivo moi presente nesta final do emprendemento grazas a GenDR, proxecto baseado na farmacoxenómica. Spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, GenDR nace na Facultade de Farmacia de Santiago a partir dunha tecnoloxía de análise xenético que permite anticipar a reacción do organismo a un tratamento farmacolóxico, información que se pode utilizar a hora de tomar unha decisión sobre que medicamente é o máis axeitado. Xunto a GenDR resultaron premiados neste Spin2016 os proxectos ConAcción (Colombia), que busca o empoderamento da muller nas rexións máis desfavorecidas; Light Energy (Valladolid), centrada na produción de baterías de longa duración para drons a base de nitróxeno; MediPrint (México), que aplica a impresión 3D á medicina; e Sencillo (Perú), unha app que permite pedir a conta nun restaurante, repartila entre os comensais e mesmo pagar. Cinco proxectos que recibirán 10.000 euros en metálico e acceso aos programas formativos da Red Emprendia para titorización e posta en marcha do modelo de negocio. 

Xunto aos premios Model2Market, o Spin2016 repartiu tres mencións entre os proxectos que fixeron a súa presentación no foro de investimento StartMoney4Stars. Un dos beneficiarios foi o proxecto Fuvex, que recibirá un préstamo participativo de 25.000 euros do Igape. Xunto a eles, os outros dous proxectos con recoñecemento foron FixYou e Closca.

O último día do Spin 2016 tamén entregou mencións a tres proxectos do SpinWay, programa no que dez grupos de emprendedores universitarios de Iberoamérica desenvolveron ideas de negocio ao tempo que realizaron os cen últimos quilómetros do Camiño de Santiago. Os proxectos gañadores foron Energy Mam, Kinetic Koala e Venopro

Previamente, a clausura do Spin2016 contou con dous relatores de luxo: o ex seleccionador nacional de fútbol, Vicente del Bosque; e o matemático Cédric Villani, posuidor dunha medalla Fields 2016. Vicente del Bosque equiparou o posto de seleccionador co dun director dunha empresa e recomendou actuar con valores. Compromiso, traballo en equipo e simplicidade na toma de decisión foron as recetas de Del Bosque para os emprendedores. 

Acaban así tres intensas xornadas nas que o emprendemento foi o gran protagonista na Cidade da Cultura. 

 

Intercambio
Santiago de Compostela, 01 de Octubre de 2016